jueves, 12 de abril de 2012

O Castelo da Fame


A pouca distancia da torre de Pontedeume, en San Cosme de Andrade, atópase este pequeno castelo de lenda.  A súa historia está intimamente ligada a Fernan Perez de Andrade, o conde que ordeou a súa construción despois de recibir o territorio cedido polo rei de Castela, Enrique II Trastamara, en gratitude polo apoio durante a guerra civil contra o seu irmán Pedro I o Cruel.

A construción comezou a principios da segunda metade do século XIV sobre as ruínas dunha antiga fortaleza. Chamado "o Alcazar dos Andrade" foi totalmente reconstruido no ano 1467 logo da súa destrución polas revoltas irmandiñas, pero tamén recibiu outro nome "O Castelo da Fame"



Din que a un mordomo da corte, coidador das terras do Conde, ou alcalde coa autoridade suficiente para tomar a lei nas súas propias mans, medroulle a sospeita da relación que mantiña un paxe chamado Mauro coa máis  fermosa das doncelas, moza da que tamén el estaba namorado. O malvado home impulsado polos celos, secuestrou á  parella coa axuda dos seus escudeiros e encerrounos nos alxubes do castelo ata deixalos morrer de fame. 




Certo día Mauro logrou ceibarse das cadeas que o apresaban e agardou a chegada do moro Zaib, o carcereiro que baixaba ós alxubes de cando en vez para darlles algo de comer. Despois de enfrentarse  a el e darlle morte, tentou de buscalas chaves para liberar a súa amada, pero non logrou atopalas.  O alcalde sorprendeuno e cheo de ira ordeou emparedar a Mauro maila súa doncela, condeandoos a unha morte segura entre os muros do castelo. 


Uns anos máis tarde, o alcalde foi ferido de morte e por temor ao seu castigo divino confesoulle ó Conde  o atroz crime que cometera coa xoven parella. O seu señor que o escoitou aterrado, agarrou o seu coitelo e arrebatoulle a vida o infame asasino como vinganza por ter matado o seu fillo bastardo Mauro. 


Inmediatamente o Conde correu ós alxubes do castelo para liberar ós amantes, pero pouco puido facer por eles mais que soterralos xuntos, xa que morreran abrazados de fame.







viernes, 16 de diciembre de 2011

Un OVNI en Ferrol...

jueves, 26 de mayo de 2011

A Lenda do Pozo dos Doncés

Lonxe da urbe, alá polas terras da Marquesa, conta unha lenda que nun recuncho do río de Xubia atópase unha foxa sen fondo. Os vellos din que noutros tempos os lobos ouveaban e as raposas rondaban por aqueles arredores encantados.

Naquel  lugar vivía unha fada, a fada máis fermosa do mundo enteiro. Coa sua voz doce, recitaba palabras máxicas e cantaba melodiosas cancións. E cando isto ocurría, de súpeto abríase unha porta dourada por riba das frías augas do río, deixando entreouvir unha música celestial de soño e albiscar un pazo endexamais visto cheo de riquezas...
          
Certo día, un dos rapaces que estudiaba humanidades no Convento do Rosario, foi testemuña da aparición. Sen perder tempo correu onda o prior e logrou convencelo para que o deixara baixar ata as profundidades do río.

A primeira hora da noite e guiados polo prior do convento, frades e estudantes descenderon polos carreiros para dexergar o milagre.

O valente estudante era un rapaz forte, atouse unha corda ó redor do seu corpo e afundiuse nas xélidas augas do Pozo. Sumerxiuse ata o fondo e pouco despois os seus compañeiros, abraiados, víronno sair  a superficie xubiloso e cunha resplandecente campá de ouro entre as mans. E entón unha voz  berrou sen ninguén saber de onde viña: “Se badalo tivese, a cen leguas se me ouvira”.


O estudante volveu a sumersirxe nas augas unha vez máis. Pero desgraciadamente xa ninguén o viu saír de novo.

Tres días despois uns rapaces horrorizados viron aboiando no río unha corda de coiro, termada por unha man ensanguentada, que todos recoñeceron como a man dereita do arriscado rapaz.

Din que unha parte do ouro do Pozo fundiuse co bronce da campá e que aínda hoxe chora polo serán, nas horas en que a terra e o ceo xúntanse tristeiras para chorar a morte do sol, finado despois de se deitar por tras do val de Pedroso...

martes, 19 de abril de 2011

"Xudas Iscariote" Cantigas de Escarnio e Maldecir de CELSO EMILIO FERREIRO

Vede a pinta payasa e zarabeta
diste fósil metido nun cascote,
que transporta por dentro un Isacriote
e por fora un Catilina con corneta.

Un desertor detrás d-unha careta
se sacristán entretecido en zote;
i-anque lle dín repubricán de mote
non é mais que un vulgar cambia chaqueta.

Un Xudas que de noite reza a Azaña
e de día laboura para que Hespaña
siga baixo o poder do lurpio Franco.

Un bicho repulsivo e cuaternario
que perdeu o reló i-o calendario
ao meter tres bolívares nun banco.

lunes, 18 de octubre de 2010

A Lenda das Tres Doncelas Transparentes

Existe unha lenda moi antiga que fala dos restos dunha cidade que foi asolagada pola auga...

Contan os avós que os seus avós xa lles contaran, que polas dúas ribeiras do río Eume, medraba unha grande e fermosa cidade moi próspera. Ata o seu porto, achegábanse barcos dende afastadas terras estranxeiras.

A vila, medraba cada vez máis e a influencia do mercado local era importante. Esta opulencia, por desgraza, tamén  chamou a atención dos malvados piratas que de cando en vez, asaltaban a cidade por sorpresa, provocando moito mal e facendo dano á poboación.

A consecuencia das continuas incursións dos malvados piratas, construiuse un castelo fortaleza enriba do monte para protexer así a terra. A vila encheuse  de súpeto de valentes cabaleiros e soldados.

Era coñecida nos arredores da provincia a gran  beleza das mulleres daquelas terras encantadas. Pero só tres doncelas destacaban entre todas. Tres fermosas doncelas, atractivas e elegantes que parecían non pertencer a este mundo... Ninguén coñecía do seu pasado e orixe... Ninguén sabía como chegaran á vila... As súas figuras,  case etéreas, habitaban nun palacio a carón do mar. Nel celebraban festas, banquetes  e bailes eternos...



Pobre de aquel home que se topara có espírito dalgunha  destas tres mulleres feiticeiras...

Certo día, o Alcaide do castelo dos Andrade, comezou a preocuparlle tal asunto das doncelas transparentes. Tanto os oficiais coma os soldados comezaban a chegar tarde as súas vixilancias e non rendían co seu traballo como de costume. De este xeito, a cidade non quedaba ben protexida e aquilo ó Alcaide non lle gustaba en absoluto.

Desesperado,  foi na busca dun ermitaño que tiña fama de mago e sabio, de curandeiro e conxurador. O home xa ancián, vivía nunha humilde cabana escondida no máis recóndito lugar da fraga do Eume.

O ermitaño, xusto despois de que o preocupado Alcaide lle falara do percance, dixo: "Coñezo ben os  espíritos de esas tres doncelas malignas que apodrecen ós homes ea cidade entenira, enviadas dende as entrañas máis escuras da terra... Xa pouco se pode facer... A vila quedou maldita, meu amigo"... "Déixame cavilar"...

Tras un longo silencio o mago ermitaño volveu falar... "Escóiteme ben señor Alcaide, agora váiase, péchese dentro da fortaleza e non saía de alí  en tódala noite"...

Cando o Alcaide marchou, o mago colleu a súa pola de maceira con forma de gaiada ( que posuía grandes poderes para atopar augas subterráneas) e subiuse enriba dunha pena dende onde se ollara ben a vila. Nunha extraña lingua, pronunciou unhas palabras... As palabras dun máxico conxuro.

O vento comezou a soprar con moita forza, mentres que do ceo caía a choiva coma se fosen chuzos de punta. Aquela noite de tormenta, chovía sobre a cidade coma nunca antes tivese chovido... E non parou ata que espertou o día.

A mañá seguinte, chegou a calma á comarca do Eume e saiu o Sol resplandecente tras as verdes montañas. O Alcaide apresa, subiu ata a torre do homenaxe para comprobar que fora o que ocorrera...

O home, espantado, divisou coma no lugar onde antes estaban as casas, os palacios e o porto ahora, tan só había unha grande extensión de auga... 
A cidade quedara totalmente asolagada despois da forte tormenta, pero os espíritos das tres doncelas transaparentes, xamáis se volveron a ver merodear as rúas da vila.

domingo, 5 de septiembre de 2010

Tributo a ROSALIA DE CASTRO "Cantares Galegos"

  V
Corre o vento, o río pasa.
Corren nubes, nubes corren
camiño da miña casa.
ROSALIA DE CASTRO "De Cantares Galegos" 



miércoles, 11 de agosto de 2010

Madredeus... "Ao Longe O Mar"


Madredeus é un grupo musical de orixe e raíces portuguesas fundado por dous amigos (Pedro e Rodrigo) alá polo ano 1985. 

Aínda que eles pertencían e tocaban noutros grupos diferentes, Pedro e Rodrigo, xuntáronse en busca de atopar novos sons e expresións tanto musicáis como artísticas. Co tempo uniríanse ó grupo dous amigos máis, Gabriel (ao acordeón) e Francisco (violonchelista cunha gran capacidade vocal).

Pero á formación faltáballe algo importante, unha especie de elemento inspirador ou un toque máxico. Cansos de non atopar nada, certo día decidiron descansar nunha taberna do Barrio Alto de Lisboa e alí foi onde, casualidades da vida,  atoparon ese toqueciño de maxia.

A fermosa voz da xove Teresa Salgueiro que por aquel entón soamente contaba con 17 anos de idade.