jueves, 26 de mayo de 2011

A Lenda do Pozo dos Doncés

Lonxe da urbe, alá polas terras da Marquesa, conta unha lenda que nun recuncho do río de Xubia atópase unha foxa sen fondo. Os vellos din que noutros tempos os lobos ouveaban e as raposas rondaban por aqueles arredores encantados.

Naquel  lugar vivía unha fada, a fada máis fermosa do mundo enteiro. Coa sua voz doce, recitaba palabras máxicas e cantaba melodiosas cancións. E cando isto ocurría, de súpeto abríase unha porta dourada por riba das frías augas do río, deixando entreouvir unha música celestial de soño e albiscar un pazo endexamais visto cheo de riquezas...
          
Certo día, un dos rapaces que estudiaba humanidades no Convento do Rosario, foi testemuña da aparición. Sen perder tempo correu onda o prior e logrou convencelo para que o deixara baixar ata as profundidades do río.

A primeira hora da noite e guiados polo prior do convento, frades e estudantes descenderon polos carreiros para dexergar o milagre.

O valente estudante era un rapaz forte, atouse unha corda ó redor do seu corpo e afundiuse nas xélidas augas do Pozo. Sumerxiuse ata o fondo e pouco despois os seus compañeiros, abraiados, víronno sair  a superficie xubiloso e cunha resplandecente campá de ouro entre as mans. E entón unha voz  berrou sen ninguén saber de onde viña: “Se badalo tivese, a cen leguas se me ouvira”.


O estudante volveu a sumersirxe nas augas unha vez máis. Pero desgraciadamente xa ninguén o viu saír de novo.

Tres días despois uns rapaces horrorizados viron aboiando no río unha corda de coiro, termada por unha man ensanguentada, que todos recoñeceron como a man dereita do arriscado rapaz.

Din que unha parte do ouro do Pozo fundiuse co bronce da campá e que aínda hoxe chora polo serán, nas horas en que a terra e o ceo xúntanse tristeiras para chorar a morte do sol, finado despois de se deitar por tras do val de Pedroso...