jueves, 14 de noviembre de 2013

A lenda da Santa Compaña

Na mitoloxía popular galega a Santa Compaña é unha procesión de mortos, de almas errantes que percorren os camiños das parroquias polas noites. Tal vez sexa unha das crenzas míticas máis arraigadas no rural da nosa terra. 

O medo comeza á media noite, a Santa Compaña sae a pasear, vai sempre encabezada por un home vivo que porta unha cruz e máis un caldeiro de auga bendita, mentres que as ánimas portan cadanseu pequeno cándil. O encargado de portala cruz non pode baixo ningún concepto voltala vista atrás, só poderá ser liberado da súa penitencia cando se atope con outra persoa, home o muller, polo camiño. 

A comitiva espectral sae dos cruceiros e a súa misión é a de visitar todas aquelas casas nas que axiña se producirá unha morte. O portador da cruz non lembrará durante o día o acontecido polas noites. Pero non todos os mortais posúen a facultade de ver cos seus propios ollos á Santa Compaña, din que os nenos bautizados por erro co óleo dos mortos a posuirán de adultos.

Para protexerse da Santa Compaña o mellor é afastarse do seu camiño, debuxar un círculo no chan, meterse dentro del deitándose boca abaixo, pregar sen levantala mirada e endexamais ficala vista neles...