miércoles, 18 de diciembre de 2013

A Doncela do Castro


Conta unha antiga lenda galega, que unha dama misteriosa e feiticeira, unha fermosa fada capaz de adoptala forma de calquera animal, habitaba nas torres, nos castelos e nos castros abandoados da nosa terra. Din que era unha boa muller e todos cantos tiñan a sorte de vela, obtían un consello ou unha ensinanza. A doncela encantada axudaba aos camiñantes e as persoas que tiveran dúbidas, medos ou mágoas sobre a vida que lles atormentaba.

Algunhas xentes, sabedoras do seu don, dexesaban tanto toparse coa dama que forzaban o encontro con ela levando agasallos e ricos manxares ao seu lar, invocando así a súa presenza. Pero á doncela non lle gustaban aquelas cousas e só aparecía cando sabía de alguén que verdairamente non pasaba por un bo momento, persoas humildes, aflixidas por algunha perda ou desgraza que lles tocara vivir. Sempre vestía cunha larga túnica branca e cando se amosaba ante alguén decíalle: 

- ¡Non collas medo, son a Dama do Castro!   

A doncela dos castros era a protectora e vixiante dos máis pequenos, os nenos e as nenas indefensos ante os perigos. Preto dunha fiestra, da ribeira do río ou a carón dun pozo, alí estaba ela para que non lles pasara nada malo.  A súa misión era arredalos de calquera lugar onde os pequenos correran algún risco.

jueves, 14 de noviembre de 2013

A lenda da Santa Compaña

Na mitoloxía popular galega a Santa Compaña é unha procesión de mortos, de almas errantes que percorren os camiños das parroquias polas noites. Quizais sexa unha das crenzas míticas máis arraigadas no rural da nosa terra. 

O medo comeza á media noite, a Santa Compaña sae a pasear, vai sempre encabezada por un home vivo que porta unha cruz e máis un caldeiro de auga bendita, mentres que as ánimas portan cadanseu pequeno cándil. O encargado de portala cruz non pode, baixo ningún concepto, voltala vista atrás, só poderá ser liberado da súa penitencia cando se atope con outra persoa, home o muller, polo camiño. 

A comitiva espectral sae dos cruceiros e a súa misión é a de visitar todas aquelas casas nas que axiña se producirá unha morte. O portador da cruz non lembrará durante o día o acontecido polas noites. Pero non todos os mortais posúen a facultade de ver cos seus propios ollos á Santa Compaña, din que os nenos bautizados por erro co óleo dos mortos a posuirán de adultos.

Pouco se pode facer para protexerse da Santa Compaña, afastarse do seu camiño, debuxar un círculo no chan, meterse dentro del deitándose boca abaixo, pregar sen levantala mirada e endexamais ficala vista neles...